miércoles, 29 de enero de 2014

Dous poemas de Curros Enríquez (1851-1908), poeta ourensán.


La Tierra del Agua./ Uxia: Voz principal /  Xosé Manuel Budiño: Gaitas, Flautas y Coros gallegos de hombre 

Este foi o primeiro poema en galego de Curros Enríquez, escrito cando aínda era estudiante. Tempo despois “Cántiga” foi musicada e converteuse nun dos temas máis coñecidos e tradicionais en Galicia.  


Manuel Curros Enríquez

CÁNTIGA   (5 de xuño de 1869)


No xardín unha noite sentada
ó refrexo do branco luar,
unha nena choraba sin trégolas
os desdés dun ingrato galán.
I a coitada entre queixas decía:
"Xa no mundo non teño ninguén,
vou morrer e non ven os meus ollos
os olliños do meu doce ben".
Os seus ecos de malenconía
camiñaban nas alas do vento,
          i o lamento
          repetía:
"¡Vou morrer e non ven ó meu ben!"
  
  Lonxe dela, de pé sobre a popa
dun aleve negreiro vapor,
emigrado, camiño de América
vai o probe, infelís amador.
 I ó mirar as xentís anduriñas
cara a terra que deixa cruzar:
"Quen pudera dar volta -pensaba-,
quen pudera convosco voar!..."
Mais as aves i o buque fuxían
sin ouír seus amargos lamentos;
          sólo os ventos
          repetían:
"¡Quen pudera convosco voar!"

  Noites craras, de aromas e lúa,
desde entón ¡que tristeza en vós hai
prós que viron chorar unha nena,
prós que viron un barco marchar!...
  Dun amor celestial, verdadeiro,
quedou sólo, de bágoas a proba,
          unha cova
          nun outeiro
i on cadavre no fondo do mar.  


Canta Luis Emilio Batallan

NOUTURNIO (Aires da miña terra", 1880)

Da aldea lexana fumegan as tellas; 
detrás dos petoutos vai póndose o sol 
retornan prós eidos coa noite as ovellas 
tiscando nas beiras o céspede mol. 

Un vello, arrimado nun pan de sanguiño, 
o monte atravesa de cara ó pinar. 
Vai canso; unha pedra topou no camiño 
e nela sentouse pra folgos tomar. 

-¡Ai! -dixo-, ¡que triste, 
que triste eu estou!­ 
I on sapo, que o oía, 
repuxo: -¡Cro, cro! 

¡Ás ánemas tocan!... Tal noite como esta 
queimóuseme a casa, morreume a muller 
ardeume a xugada na corte, i a besta, 
na terra a semente botouse a perder. 

Vendín prós trabucos bacelos e hortas 
e vou polo mundo de entón a pedir; 
mais cando non topo pecháda-las portas, 
os cans sáienme a elas e fanme fuxir 

Canta, sapo, canta: 
¡ ti e eu somos dous!... 
I o sapo, choroso, 
cantaba: -¡ Cro, cro! 

Soliños estamos antrambos na terra, 
mais nela un buraco ti alcontras i eu non; 
a ti non te morden os ventos da serra, 
i a min as entranas i os osos me ron. 

Ti, nado nos montes, nos montes esperas, 
decote cantando, teu térmeno ver; 
eu, nado entre os homes, dormento entre as feras; 
e morte non acho, si quero morrer. 

Xa tocan. .. Recemos, 
¡que dicen que hai Dios!... 
El reza, i o sapo 
cantaba: -¡ Cro, cro! 

A noite cerraba, i o raio da lúa 
nas lívidas cumes comenza a brilar; 
curisco que tolle nos álbores brúa 
i escóitase ó lexos o lobo oubear. 

O probe do vello, cos anos cangado, 
ergueuse da pedra i o pau recadou; 
virou para os ceos o puño pechado 
e cara ós touzales rosmando marchou. .. 

Cosollos seguíndoo 
na escura estensión, 
o sapo quedouse 
cantando: -¡Cro, cro!
 

Para saber mais sobre o autor:
http://es.wikipedia.org/wiki/Manuel_Curros_Enr%C3%ADquez
 http://www.terradecelanova.com/html/curros_enriquez.htm

No hay comentarios: